Trátase dun órgano de asesoramento externo no que participan 12 membros de varias institucións, tanto públicas como privadas.
O Instituto da Lingua Galega, centro de investigación lingüística pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, constituíu onte, martes 2 de xullo, o seu Foro Social, un órgano de asesoramento externo conformado por membros de distintas institucións do eido cultural, editorial, dos medios de comunicación, da investigación e da empresa.
Balidea, como empresa con ampla experiencia no desenvolvemento de tecnoloxías da linguaxe e que aposta por solucións que permitan a comunicación en galego, foi seleccionada para formar parte do Foro a través da representación de Mari Carmen López Pérez, responsable do Departamento de I+D+i. Ademais, o Foro Social tamén contará coa participación de Xosé Barato (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Lorena Barbeito (CIEDIX), Senén Barro (CiTIUS), Mónica Fernández (CTNL), Valentina Formoso (profesora de Educación Secundaria), César González (Incipit), Ana María Guerra (Asociación Galega de Editoras), Darío Janeiro (CPXG), Xusto Rodríguez (Servizo de Normalización Lingüística da USC), Goretti Sanmartín (Alcaldesa de Santiago de Compostela) e Sara Seco (creadora de contido).
Dotar ao Instituto dunha maior proxección
Desde a súa fundación, en 1971, o Instituto da Lingua Galega leva a cabo unha constante actividade de investigación nos campos da lingüística e a filoloxía galegas, así como no desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas que poñan a disposición, tanto da comunidade académica como da sociedade en xeral, o coñecemento xerado polas actividades de investigación.
Agora, a través da constitución do Foro Social, preténdese que o Instituto vaia un paso máis aló, integrándose plenamente na sociedade galega e evolucionando da man desta. O Foro encargarase de trasladar á sociedade información sobre o Instituto da Lingua Galega, co obxectivo de que este último logre unha maior proxección na súa contorna. Neste aspecto, os membros do órgano de asesoramento prestarán apoio na elaboración e implantación dos plans estratéxicos do centro, debatendo as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento de actividades de investigación, difusión e transferencia do Instituto.
Reunión de constitución
Onte celebrouse a reunión de constitución do Foro na Biblioteca do Instituto da Lingua Galega, en Santiago de Compostela. Trala presentación dos membros, Elisa Fernández Rei, directora do ILG, encargouse de explicar as funcións do Instituto, desde a axenda científica ata as accións levadas a cabo para para a promoción da súa investigación e o aumento da súa proxección social.
Balidea aposta pola comunicación en galego
A presenza de Balidea no Foro Social do Instituto da Lingua Galega non fai máis que ratificar o seu papel como referente no desenvolvemento de tecnoloxías que permitan a comunicación en galego. Tralo éxito de FalAI, que se converteu na base de datasets para asistentes virtuais de modo aberto máis grande do mundo, Balidea segue traballando no desenvolvemento de asistentes virtuais que non só se expresen en galego, senón que o entendan á perfección, independentemente das súas variedades dialectales.