Balidea encargarase da evolución do portal de Les Corts Valencianes e da súa migración a Drupal 9

Balidea encargarase da evolución do portal de Les Corts Valencianes e da súa migración a Drupal 9

Balidea encargarase do servizo de mantemento e evolución do portal web de Les Corts Valencianes durante o próximos tres anos. O proxecto inclúe a migración do sitio á versión máis actualizada do seu xestor de contidos, neste caso Drupal 9. Abordaranse, ademais, servizos de mantemento preventivo, correctivo e adaptativo, así como a evolución funcional e gráfica do espazo web, realizando previamente unha análise da experiencia de usuario da plataforma actual para valorar posibles necesidades e melloras a ese nivel.

Trátase dun sitio coñecido por Balidea, pois xa abordou no seu momento o desenvolvemento da plataforma en Drupal 8, co obxectivo de ofrecerlle servizos dixitais á cidadanía valenciana a través dunha tecnoloxía máis versátil, que mellorase a experiencia de usuario e se adaptase ás novas tendencias en deseño web.

O portal de Les Corts Valencianes está en uso desde principios do ano 2019 e cómpre destacar que obtivo o premio á mellor web gobernamental nos Splash Awards da Drupal Camp Spain dese ano.

Trátase dunha plataforma multisite que inclúe o portal xenérico do parlamento valenciano, o portal de Transparencia, o portal de Participación cidadá e a intranet de uso interno para todo o persoal de Les Corts.

Pon a disposición da cidadanía toda a información de interese de Les Corts. Pódense consultar as últimas noticias de actualidade da institución e coñecer toda a actividade parlamentaria con acceso directo a plenos en tempo real. Así mesmo, permite acceder a documentación de múltiples áreas (orzamentaria, lexislativa, parlamentaria, etc.) e dispón dun sistema de consulta do histórico de lexislaturas con información relevante de cada unha delas.

Comparte este post: