Balidea encargarase do mantemento e evolución das aplicacións do Servizo Cántabro de Saúde

Balidea encargarase do mantemento e evolución das aplicacións do Servizo Cántabro de Saúde

Balidea logrou renovar o contrato para o mantemento e evolución das aplicacións do Servicio Cántabro de Saúde, asociadas aos seus sistemas de historia clínica electrónica e atención hospitalaria. Para esta licitación concorreu en UTE con outras dúas empresas do sector TIC con gran experiencia no ámbito sanitario:  Horus Ingeniería e GTI Santander. O contrato ten unha duración de dous anos coa posibilidade de renovación por outros dous.

O proxecto abarca o soporte técnico e mantemento correctivo das incidencias que se produzan nos sistemas; así como o mantemento evolutivo das aplicacións e o desenvolvemento ou a renovación tecnolóxica.

Desta forma impúlsase a aposta da compañía pola contorna sanitaria, e especificamente na área clínica, na que xa ten en marcha dous grandes proxectos en Cantabria e Aragón.

Xestión de tres ferramentas principais

En particular Balidea xestionará tres ferramentas principais:

  • O sistema de xestión de cita especializada, procedementos e probas do Servizo Cántabro de Saúde, así como as súas integracións co resto de sistemas asociados.
  • A solución corporativa para xestionar o bloque cirúrxico de todos os hospitais. Este sistema abarca todo o proceso desde que se inclúe un paciente en lista de espera cirúrxica ata que é dado de alta polo cirurxián.
  • A aplicación de rexistro centralizado da lista de espera para citas, probas e intervencións cirúrxicas.

Unha UTE especializada

Balidea,  Horus e  GTI Santander son tres empresas tecnolóxicas especializadas e con experiencia no ámbito sanitario. Uníronse para o desenvolvemento deste proxecto co fin de lograr os seus obxectivos da forma máis eficaz e eficiente, achegando cada unha delas o seu coñecemento, experiencia e capacidade en cada un dos ámbitos específicos do contrato.

Hours divide a súa actividade principal entre a enxeñería industrial e a enxeñería de software, centrándose na automatización de procesos. Alcanzou unha alta especialización ao redor da  eSaúde, con solucións para a Historia Clínica Electrónica e a xestión de laboratorios, bancos de sangue ou estacións radiolóxicas. Así mesmo, ten unha ampla experiencia no sector ferroviario e no control de plantas industriais.

Pola súa banda,  GTI Santander dedícase ao desenvolvemento de software a medida e está especializada no sector sanitario. É especialista en Prescrición Electrónica Asistida (PEA) e xestión do ciclo de medicación. Ofrece servizos de desenvolvemento, consultaría e asesoría TIC para empresas con especial énfase en sistemas de rexistro médico.

Comparte este post: