Balidea iniciará en xuño un piloto da súa “neta” virtual, o asistente por voz para combater a soidade das persoas maiores e facilitarlles a vida diaria

Balidea iniciará en xuño un piloto da súa “neta” virtual, o asistente por voz para combater a soidade das persoas maiores e facilitarlles a vida diaria

A empresa Balidea prevé comezar o vindeiro mes de xuño un piloto para probar nun contexto real o seu asistente virtual NETA, especialmente pensado para apoiar e acompañar a persoas maiores que viven soas, co que agora poderán comunicarse de forma máis sinxela a través da voz. Nunha situación como a que estamos vivindo actualmente a raíz da pandemia provocada polo Coronavirus pode ser unha grande axuda para aquelas personas confinadas en soidade, especialmente as máis vulnerables: as persoas maiores.

Trátase dunha aplicación á que se pode acceder a través de dispositivos móbiles, ben sexa un teléfono ou unha tableta, para a que non se precisa ser un “experto dixital”, xa que permite interaccionar con ela por voz, en galego ou en castelán. A través de NETA poderíanse recibir consellos especializados en relación ao Covid-19, vídeos con recomendacións, actividades que axuden a levar mellor o confinamento etc., e todo isto baixo a supervisión dun equipo especializado, evitando bulos, información errónea ou desinformación.

Para o deseño funcional de NETA Balidea contou co asesoramento de psicólogos, neuropsicólogos, xeriatras, terapeutas ocupacionais e sociólogos que levan máis de 20 anos coidando de persoas maiores a través da empresa de servicios sociosanitarios Atendo, que na actualidade presta os seus servizos a máis de 3000 persoas. Ademais, prevese ter unha solución robotizada que incorpore NETA tamén nos vindeiros meses, deseñada pola empresa FrutoDS, enxeñaría especializada en deseño, e Ledisson, empresa experta en automatización industrial e que está apostando pola robótica social.

Funcionalidades útiles para a vida diaria

As funcionalidades de NETA son múltiples. Permite transmitirlle á persoa usuaria todo tipo de recordatorios (medicación, aniversarios, citas médicas...) empregando sempre unha linguaxe amigable e próxima.

Ademais, pode recompilar diversas variables de control médico que se mida a diario a persoa usuaria, como a tensión, os niveis de azucre en sangue, o nivel de osíxeno ou o peso, que logo tería a opción de compartir con quen quixese, por exemplo, o médico de cabeceira ou os familiares que están preocupados por se se está a coidar.

NETA tamén é útil para facer máis sinxelas as actividades da vida diaria, poñendo en contacto á persoa usuaria con provedores de servizos de proximidade (tendas de alimentación, farmacias…) para facer encargas e recibir a compra no seu domicilio. Nesta aplicación tamén hai un oco para o lecer: permite comunicarse cos seres queridos (familiares e amigos) a través de videoconferencia, teléfono ou mensaxería; escoitar música, ver fotos e vídeos; ou acceder a xogos.

NETA está deseñada baixo unha óptica de Atención Centrada na Persoa, polo que cada quen pode decidir como quere que a súa neta virtual a desperte cada día: cunha canción, cunha mensaxe da neta real ou mesmo coa previsión do tempo. Pódese configurar segundo as preferencias e gustos da persoa usuaria e, o mellor de todo, cando regresemos á normalidade achegará información de todo o que sucede na contorna: teatro, concertos, eventos, obradoiros...

Nada supera unha aperta forte dun ser querido, nin un baile na sesión vermú das festas… pero en tempos de confinamento, nos que necesitamos protexernos especialmente e “os nosos” están lonxe, unha NETA virtual pode ser unha boa compañía!

Comparte este post: