Balidea optimiza o portal web da Oficina de Seguridade do Internauta do Instituto Nacional de Ciberseguridad

Balidea optimiza o portal web da Oficina de Seguridade do Internauta do Instituto Nacional de Ciberseguridad

Balidea levou a cabo a evolución do portal web da Oficina de Seguridade do Internauta (OSI) do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), elaborando unha versión na que prima a usabilidade, accesibilidade e ser amigable para o usuario. Entre outras melloras con respecto ao anterior, realizouse unha migración completa á versión máis actualizada do sistema de xestión de contidos Drupal. Así mesmo, optimizouse o seu deseño para unha visualización adaptada a todo tipo de dispositivos (PCs, móbiles e tablets) e realizáronse modificacións para cumprir todas as esixencias de seguridade requiridas polo INCIBE.

O sitio web ten unha dobre funcionalidade: proporcionar información e facilitar o soporte necesario para evitar e resolver os problemas de seguridade que poidan existir ao navegar por internet.

Para iso conta cunha primeira parte informativa e instrutiva, na que lle ofrece información relevante e consellos sobre todo aquilo que é necesario coñecer para obter unha protección adecuada cando navegamos: seguridade nos diferentes tipos de dispositivos, na información persoal que achegamos, nas redes wifi, os tipos de fraude na internet, etc. Mesmo lle permite ao usuario facer unha análise previa dos seus coñecementos sobre seguridade na rede a través da realización de varias enquisas.

A modo de resumo, pon a disposición da cidadanía unha “Guía de privacidade e seguridade na internet” e ofrece unha serie de recursos gratuítos para protexer os dispositivos, como antivirus ou un servizo antibotnet para saber se un ordenado está a ser usado para atacar ou transferir software malicioso.

De forma paralela, proporciona un servizo de axuda e soporte, a través do cal os usuarios poden facer todo tipo de consultas sobre seguridade na rede, así como reportar posibles fraudes. Para facilitar esta colaboración a OSI pon á súa disposición un formulario de contacto e de alta de incidentes, así como un número de Atención Telefónica ao Internauta.

Ponte ao día

O novo portal da OSI conta tamén cun apartado que ten como obxectivo manter ao día ao usuario en materia de seguridade na internet. Nel recolle avisos de seguridade relativos a correos electrónicos fraudulentos, campañas de propagación de malware, roubos masivos de credenciais ou contrasinais, fallos de seguridade de ferramentas ou actualizacións importantes de aplicacións.

Así mesmo, inclúe un blog de actualidade con noticias sobre a OSI e todo tipo de artigos ao redor de temas destacados sobre novas tecnoloxías e seguridade. Por último, dedica unha sección para denunciar casos reais de persoas que foron vítimas dalgún tipo de fraude a través da rede.

INCIBE: desenvolvemento da confianza dixital

O Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE) é unha sociedade dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI) e consolidada como entidade de referencia para o desenvolvemento da ciberseguridade e da confianza dixital da cidadanía, a rede académica e de investigación, os profesionais e as empresas, especialmente para sectores estratéxicos.

Como centro de excelencia, INCIBE é un instrumento do Goberno para desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación social e oportunidade para a innovación. Para iso, cunha actividade baseada na investigación, a prestación de servizos e a coordinación cos axentes con competencias na materia, INCIBE lidera diferentes actuacións para a ciberseguridade a nivel nacional e internacional.

O CERT de Seguridade e Industria, centro de resposta a incidentes de ciberseguridade operado por INCIBE, traballa para aumentar a capacidade de detección e alerta temperá de novas ameazas, a resposta e análise de incidentes de seguridade da información, aumentar a ciberresiliencia das organizacións e o deseño de medidas preventivas para atender ás necesidades da sociedade en xeral, as necesidades de seguridade das infraestruturas críticas, o apoio na investigación e a loita fronte a ciberdelitos e ciberterrorismo.

Comparte este post: