Balidea presenta en Holanda o seu asistente virtual para o avellentamento activo, NETA V3A, da man do Clúster Saúde de Galicia

Balidea presenta en Holanda o seu asistente virtual para o avellentamento activo, NETA V3A, da man do Clúster Saúde de Galicia

Balidea participa esta semana na misión directa aos Países Baixos, LexSaúdeHolanda, organizada polo Clúster Saúde de Galicia (CSG) dentro do proxecto CodigoMais. Faino como empresa experta na achega de solucións innovadores para a saúde e a asistencia social. A viaxe está especialmente centrada nas solucións para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, un ámbito no que Balidea ten unha gran experiencia.

En particular, a compañía presentará en Holanda un dos seus proxectos de investigación máis recentes, NETA V3A. Trátase dun asistente no fogar pensado para o envellecemento activo, que emprega a tecnoloxía (robótica, asistencia por voz, gamificación e intelixencia artificial) para prolongar a autonomía e independencia das persoas maiores, así como a súa conexión activa coa contorna na que viven, tanto familiar como social.

Aprendizaxe e networking

O obxectivo xeral de LEX Holland é reunirse con provedores de atención médica e de saúde, aprender e intercambiar coñecementos e experiencias na prestación de servizos de saúde e atención, co obxectivo de establecer unha cooperación en investigación, proxectos e oportunidades comerciais. Isto permitiralle a Balidea entrar en contacto con posibles partners tecnolóxicos e referentes no ámbito do coidado das persoas maiores e a asistencia social.

Forman tamén parte da expedición as empresas Atendo -socia de  Balidea no proxecto Neta V3A-, Servizo  Movil,  Saraiva,  Envita e  Activiza, así como representantes da Universidade de Vigo e do goberno de Asturias.

En cinco días de apertada axenda, organizada polo  CSG en colaboración coa ECHAlliance (European  Connected  Health  Alliance), a plataforma GEEF e Afedemy (Age-Friendly  Environments  Academy), a delegación viaxará de norte a sur, de  Leeuwarden a  Groningen,  Hogewey, Utrecht, A Haia, Róterdan e  Brabant. Alí entrarán en contacto cos ecosistemas sanitarios de diferentes rexións holandesas; coñecerán o traballo doutras  start-ups,  scale-ups e pemes en saúde; e visitarán interesantes experiencias como a  Dementia Village de Hogewey e o centro de maiores Tante Louise de Steenbergen, ambos especializados en ofrecerlles unha vida máis amigable ás persoas con demencia.

Comparte este post: