Colaboramos no desenvolvemento do portal do novo centro GaiásTech da Xunta de Galicia

Colaboramos no desenvolvemento do portal do novo centro GaiásTech da Xunta de Galicia

Colaboramos no desenvolvemento da plataforma web do novo centro GaiásTech da Xunta de Galicia, que acaba de inaugurar a súa actividade, centrada na transformación dixital da nosa comunidade. Localizado na Cidade da Cultura, actuará como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento tecnolóxico ao servizo das empresas, as administracións e a sociedade galega.

O proxecto web

A plataforma gaiastech.xunta.gal recolle toda a información sobre o novo centro, as súas actividades e servizos, centrando os seus contidos no impulso do ecosistema dixital galego.

Desenvolvido en Drupal 8, o portal busca ser o reflexo virtual do propio GaiasTech, dando visibilidade e apoio a todas as actividades que se xeren ou nas que se colabore, aos servizos que se ofrezan e aos recursos que se poñan a disposición das persoas usuarias, facilitando e dinamizando a súa interacción co centro e co seu ecosistema dunha maneira sinxela, dinámica e atractiva.

O centro

GaiásTech será un escenario central para a posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais de Galicia.

A súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, contará cun espazo de inmersión interactivo, orientado a experiencias de realidade virtual e aumentada. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos. E ofrecerá servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas.

De maneira paralela a este espazo físico, GaiasTech dispoñerá dun “xemelgo” dixital no que se localizará a axenda tecnolóxica de Galicia, dispoñerá dos seus propios espazos virtuais e actividades e permitirá a retransmisión e participación non presencial en calquera actividade.

Comparte este post: