Novos avances en Smart Cardia, a plataforma tecnolóxica que facilitará a xestión da rehabilitación cardíaca tras un infarto

Novos avances en Smart Cardia, a plataforma tecnolóxica que facilitará a xestión da rehabilitación cardíaca tras un infarto

Presentamos no Centro Singular de Investigacións en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) os avances realizados durante o 2019 no proxecto Smart Cardia, que propón unha plataforma intelixente para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca no caso de pacientes que sufriran un infarto agudo de miocardio.

Neste ano completouse a definición da plataforma desde o punto de vista médico e avanzouse no seu deseño traballando nos módulos de xestión intelixente, de adquisición automática de información e de procesado e integración de imaxe médica. Así mesmo iniciáronse os módulos de xeración automática de informes e as interfaces clínicas intelixentes e de procesado de linguaxe natural. O proxecto integra tamén unha parte de gamificación, polo que se estivo traballando nunha proposta de xogos que motiven a adherencia ás terapias e as súas interfaces gráficas. Ademais, comezouse a desenvolver o algoritmo que permitirá realizar unha predición para a asignación intelixente de recursos para o proceso de rehabilitación adecuado a cada caso.

Trátase dun proxecto de investigación levado a cabo polo consorcio de empresas que forman Balidea, Imagames e SM Tecno, coa colaboración do CITIUS e da Fundación IDIS. A súa previsión é rematar o prototipo e realizar o programa piloto no CHUS nos vindeiros meses, para presentar os resultados a finais de 2020.

Interviñeron na presentación o doutor Carlos Peña Gil, responsable do Servizo de Rehabilitación Cardíaca do CHUS, que sinalou a adaptación da ferramenta ás necesidades detectadas polos especialistas; José Gandarela, técnico do proxecto en Balidea, que explicou o estado actual da plataforma e os principais avances do 2019; Borja Pérez de SM Tecno, que se centrou nas vantaxes da adquisición automática de información e imaxe médica; Javier López de Imagames, que citou as posibilidades da gamificación nos plans de saúde; e o doutor Manuel Lama do CITIUS, que falou de como están a aplicar o Procesado de Linguaxes Naturais (PLN) e a Intelixencia Artificial (IA) no proceso de rehabilitación cardíaca.

Este proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, á súa vez cofinanciado polo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Rehabilitación cardíaca controlada, segura e de calidade

A finalidade do proxecto Smart Cardia é desenvolver unha plataforma que lle facilite aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e preditivos e interfaces gráficas usables. Facilitará así a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, desde o primeiro día, os profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso predicible, sen variabilidade e controlado, seguro e con indicadores de calidade.

Está pensado para cubrir as necesidades e expectativas dos profesionais sanitarios que interveñen nese proceso, como cardiólogos, enfermaría especializada, fisioterapeutas, médicos rehabilitadores, endocrinólogos, médicos de atención primaria e enfermería comunitaria.

O proxecto ten unha finalidade sanitaria, mediante o control dos factores de risco e a prevención, e unha finalidade social, ao interactuar con Prebencar, un asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovascular que promove hábitos cardiosaudables e converte aos pacientes que sufriron un infarto en axentes activos para a súa recuperación.

Comparte este post: