PREBENCAR e RISING, dous novos proxectos TIC pensados para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas cardiovasculares e con deterioro cognitivo

PREBENCAR e RISING, dous novos proxectos TIC pensados para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas cardiovasculares e con deterioro cognitivo

Os consorcios dos proxectos PREBENCAR e RISING, integrados polas empresas Balidea e Imagames o primeiro e Balidea, FrutoDS e Atendo o segundo, xunto coa Fundación Ramón Domínguez, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) e o  Istituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) presentaron esta mañá no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela os obxectivos destas dúas iniciativas. As dúas propostas, que nacen de necesidades asistenciais detectadas por profesionais sanitarios, céntranse no desenvolvemento de ferramentas TIC para o ámbito sanitario cunha dobre vontade: afondar no empoderamento dos pacientes, outorgándolles unha maior autonomía na xestión diaria da súa saúde; e na achega de terapias avanzadas, que impliquen unha atención personalizada e con técnicas de motivación a través da gamificación (uso de xogos con fins terapéuticos) para acadar unha maior adherencia á terapia.

Na presentación interviñeron, para introducir PREBENCAR, José Ramón González-Juanatey, xefe de servizo de cardioloxía do Hospital Clínico; Carlos Peña, cardiólogo do Hospital Clínico e Lorenzo Rodríguez Currais, CEO de Balidea. Pola súa parte, encargáronse de explicar os obxectivos de RISING, José Manuel Vázquez Aldrey, neurólogo do Clínico e coordinador científico do proxecto por parte da Fundación Ramón Domínguez; e Luis Barros, Director de Innovación de Atendo.

Ambos os dous proxectos están cofinanciados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, que conta con cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, da Unión Europea.

PREBENCAR, Asesor Virtual Intelixente para a PREvención e o BENestar CARdiovascular

Este proxecto propón a creación dun asesor virtual intelixente que lle permita ao paciente xestionar a súa saúde cardiovascular. Unha ferramenta para a prevención e o benestar cardiovasculares, que sirva de apoio a cidadanía, persoal sanitario e servizos de saúde tanto en prevención como para o seguimento da recuperación logo dun accidente cardiovascular. Búscase que esta aplicación lles permita aos pacientes autoxestionar a súa saúde cardiovascular, promovendo a través dela a actividade física, o descanso suficiente, a alimentación cardiosaudable, o control dos factores de risco,  evitar o sedentarismo e atrasar a dependencia. PREBENCAR facilitará a adopción dunha forma amigable e automatizada de hábitos de saúde cardiovascular.

O obxecto xeral deste proxecto é facilitarlles ao cidadán, aos profesionais sanitarios e aos servizos de saúde a promoción de actividades de prevención cardiovascular primaria a nivel poblacional, buscando un cambio nos costumes e hábitos sociais. Deste modo, dáse resposta a un reto na sociedade actual, promovendo a cultura cardiosaudable a través dun cambio de rol das persoas. 

O principal avance desta proposta é o seu alto nivel de personalización. En función do comportamento da persoa usuaria a aplicación realizará unha serie de accións para garantir o cumprimento da terapia con técnicas motivadoras baseadas na gamificación. Ademais, a ferramenta proporcionará información diferenciada se o perfil de acceso é o paciente, un familiar ou un profesional médico; e, en última instancia, contribuirá a optimizar os recursos sanitarios, pois permitirá que realice o seguimento e control do paciente persoal diverso, que non ten porque ser especialista nin implicar ir ao hospital, senón que permitiría facelo no centro de saúde polo médico de cabeceira ou mesmo polo persoal de enfermería.

Este proxecto afianza a estratexia do servizo de cardioloxia da AXXI Santiago co seu programa de rehabilitación cardíaca e prevención cardiovascular de promover  proxectos e accións encamiñadas a prevencións de infartos de miocardio e mortes cardiovasculares.

RISING,  Rich Stimulation Daily Living

No caso de RISING, o seu obxectivo principal é deseñar ferramentas de apoio para persoas afectadas con DCL (deterioro cognitivo leve), baseadas na potenciación das actividades da vida diaria. Preténdese dotar de autonomía a persoas que empezan a sufrir perdas de memoria ou alteracións leves doutros dominios cognitivos. Ao mesmo tempo, búscase proporcionarlles tranquilidade aos familiares e información ao servizo de saúde a través da monitorización non invasiva, o que podería implicar unha mellora substancial na atención sanitaria.

A idea parte do suposto dun ancián que comeza a ter pequenos despistes, incomprendido polos adultos que o rodean e que se apoia na complicidade coa súa neta para lembrarse das súas obrigas diarias e, sobre todo, non esquecer tomar o seu tratamento. ¿Máis que pasaría se a neta marchase da casa para ir estudar? Aí interviría o asistente que propón o proxecto, que se vai denominar NETA e que pretende reproducir esa familiaridade entre netos e avós.

Tratándose dun colectivo pouco familiarizado coa tecnoloxía, preténdese desenvolver un software amigable para a súa idade e intereses. Posto que a meirande parte das persoas maiores se manexa mellor coa televisión valórase como posibilidade empregar a Smart TV. Ademais, propóñense terapias baseadas na actividade diaria, como ir á compra, e usando tamén a gamificación para que os manteña interesados, sexan amenas e os motive. Este é o gran reto e a gran revolución da proposta.

Comparte este post: