Este martes, 27 de xuño, Balidea terá a honra de participar no META-FORUM 2023 en Bruxelas, un evento de referencia en Europa no ámbito da igualdade dixital das linguas. Fomos convidados a expoñer as nosas contribucións á Axenda Estratéxica de Investigación, Innovación e Implementación para alcanzar a plena igualdade dixital nas linguas europeas ata o ano 2030 (SRIA). Estas contribucións foron financiadas polo programa ELE (European Language Equality) a través da súa convocatoria aberta.
Entre as principais achegas de Balidea á Axenda Estratéxica está a creación dunha guía sobre como deseñar conxuntos de datos SLU en escenarios de escasos recursos. Para iso establecemos os principais requirimentos para o deseño de conxuntos de datos de comprensión da linguaxe (SLU) e propoñemos medidas de calidade para asegurar o seu éxito, mesmo en contextos con recursos limitados e para linguas minoritarias.
Doutra banda, contribuímos cunha guía sobre como deseñar campañas de recollida de datos centradas nos usuarios obxectivo. Proporcionamos recomendacións prácticas para garantir a calidade das mostras recollidas e a efectividade da campaña.
Tamén compartiremos as leccións aprendidas a través das nosas campañas, co obxectivo de axudar a outros a maximizar a eficacia das súas iniciativas. Presentaremos as metodoloxías que desenvolvemos para validar os conxuntos de datos recollidos. E, por último, trasladaremos medidas de calidade aplicables sobre os datasets recollidos, para que se axusten ás necesidades específicas dos nosos proxectos.
Experiencia FalAI: proxecto de recollida de voces en galego
Ademais de anos de experiencia no desenvolvemento de asistentes virtuais e tecnoloxías da linguaxe, a nosa contribución a SRIA baseouse no éxito do proxecto FalAI, que busca recoller voces en galego co obxectivo de adestrar algoritmos que permitan ás persoas comunicarse neste idioma co mundo dixital.
A iniciativa, liderada por Balidea e o centro de investigación AtlanTTic da Universidade de Vigo, foi un éxito de colaboración público-privada e logrou reunir 250.000 gravacións, converténdose na base de datasets aberta para asistentes virtuais máis grande do mundo en calquera idioma.
A campaña permanece aberta, polo que é posible seguir contribuíndo a través da páxina https://falai.balidea.com/. Ademais, pódense consultar os datos da campaña en tempo real.
Anos de investigación e desenvolvemento de asistentes conversacionais
A área de I+D+i de Balidea leva anos apostando polo desenvolvemento de Tecnoloxías da Linguaxe, o que nos converte nun referente no ámbito dos Asistentes Conversacionais por Voz, tanto para o galego como para o castelán.
Especializámonos en dous campos concretos: asistentes conversacionais para o apoio e seguimento a pacientes crónicos (telemedicina) e asistentes conversacionais para o apoio, soporte e axuda aos cidadáns en procesos administrativos (e-Administración, e-Goberno).