Presentamos RECUPERA, un sistema que incluirá robótica para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral

Presentamos RECUPERA, un sistema que incluirá robótica para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral

O consorcio de empresas que integramos o proxecto RECUPERA presentamos esta semana a iniciativa no Hospital Povisa. O seu principal obxectivo é o desenvolvemento dun robot para a súa aplicación clínica en procesos rehabilitación de pacientes con dano cerebral provocado, por exemplo, por un ictus ou un accidente cerebrovascular. Así mesmo prevé a súa integración cun sistema de realidade virtual inmersiva, que lle permita ao usuario situarse en escenarios cotiáns, como a cociña e o baño, para tentar realizar virtualmente actividades concretas da vida diaria.

Esta iniciativa está liderada por Balidea, en colaboración co Hospital Povisa, Aimen Centro Tecnolóxico e as empresas DGH, i3Te e Ficción Producciones

O robot, do que xa existe un prototipo, consiste nun brazo robótico que se ensambla ao brazo débil dun paciente pola boneca ou a man e lle permite a realización de diversos exercicios, asistíndoo segundo os seus déficits motores. Ademais de mellorar as habilidades do paciente, o robot permitirá realizar un seguimento obxectivo dos seus progresos.

A terapia robótica ofrecerálle ao paciente unha serie de vantaxes respecto da terapia convencional, como poder levar a cabo moitas repeticións de movementos -que son a base da aprendizaxe- sen erros e sen fatiga, e posibilitando alongar os adestramentos sen necesitar a participación directa do terapeuta. Tamén presenta algunhas dificultades e retos, como a de reproducir con exactitude os complexos movementos fisiológicos humanos.

O proxecto conta cun orzamento de 1,33 millóns de euros e está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do programa ConectaPEME 2016, subvencionado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Para o seu desenvolvemento fixouse un prazo de 34 meses. Ao longo do próximo ano irase perfeccionando o prototipo e espérase que en 2018 se instale en Povisa para levar a cabo a súa validación clínica. Posterioremente pasará a formar parte dos ximnasios de rehabilitación, onde completará o labor de fisioterapeutas e terapeutas ocupacionais para favorecer a recuperación neurológica.

Comparte este post: