Este martes 21 de xuño recibimos na nosa sede central de Santiago de Compostela ao Balidea Obradoiro, de novo campión galego na categoría cadete. O equipo da canteira do Monbus Obradoiro realizou un papel inmellorable nesta tempada, do que sentimos un grande orgullo como patrocinadores. Así o remarcou o director das categorías base, Camilo Riveiro: “O equipo traballou moito. Empezamos a un nivel e fomos subindo, cumprindo obxectivos e crecendo. O traballo foi moi bo”.
O grupo foi recibido polo noso director xeral, Lorenzo Rodríguez, e o noso director de desenvolvemento de negocio, José Ángel Abeal, ademais do director de márketing e comercial do club, Daniel Agra. O noso director, Lorenzo, subliñou a súa capacidade de superación ao revalidar o título obtido o ano anterior e agrandar a historia nas categorías base do club.
Nesta ocasión non houbo tanta sorte no Campionato de España como na tempada anterior e o Balidea Obradoiro non logrou clasificarse para as seguintes roldas ao tocarlle un grupo moi competitivo na primeira fase, xunto a Cajasiete Canarias, Valencia Basket e Movistar Estudantes A.
Desde Balidea reiteramos o orgullo que sentimos como patrocinadores e os nosos parabéns e apoio incondicionais, desexándolles grandes éxitos futuros.
Apoio ao deporte de base
En 2019 inauguramos nas nosas oficinas a Sala Obradoiro en honra ao noso equipo de baloncesto de referencia, pois en Balidea #SomosObra. É por iso que o seu equipo cadete, que non deixa de darnos satisfaccións, leva o noso nome.
Somos, ademais, patrocinadores doutros equipos de deporte de base como o feminino do ADB Fontiñas e o equipo xuvenil IDE Sarmientos Viña do Campo de Ribadavia.