Recibimos o Balidea Obradoiro, campión galego e oitavo no Campionato de España Cadete

Recibimos o Balidea Obradoiro, campión galego e oitavo no Campionato de España Cadete

Recibimos na nosa sede central de Santiago de Compostela ao Balidea Obradoiro, campión galego na categoría cadete e oitavo no Campionato de España. O equipo da canteira do Mombus Obradoiro realizou un papel inmellorable nesta tempada, do que sentimos un gran orgullo como patrocinadores. Así o remarcou o seu adestrador, Camilo Riveiro: “estamos moi orgullosos de lograr un feito histórico para o club e só me queda darlles as grazas aos mozos polo gran esforzo e a Balidea polo seu apoio nun ano tan complicado para as entidades deportivas”.

O grupo foi recibido polo noso director xeral, Lorenzo Rodríguez, e o noso director de desenvolvemento de negocio, José Ángel Abeal, ademais do director de márketing e comercial do club, Daniel Agra, e Pepe Casal, presidente da Fundación Heracles. O noso director, Lorenzo, subliñou a súa capacidade de adaptación e superación ante a situación descoñecida e difícil xerada pola pandemia da Covid-19. “Non só a superastes, senón que saístes vitoriosos. Sodes uns triunfadores e aínda estades no inicio da vosa vida persoal e deportiva”, díxolles aos mozos á vez que os felicitou e lles desexou o mellor.

O Campionato de España disputouse en Cádiz entre o 18 e o 24 de xuño, e o Balidea Obradoiro xogou seis partidos nos que tivo que enfrontarse, entre outros, ao FC Barcelona, o Cajasiete Canarias e o Casademont Zaragoza. “Isto non sería posible sen o apoio de todas esas empresas que tamén cren na nosa canteira e o seu crecemento, como o caso de Balidea, que xa leva anos apoiando ás nosas categorías inferiores”, destacou Daniel Agra. Pola súa banda, Pepe Casal sinalou que “houbo unha sinerxía moi boa entre o club e unha empresa pioneira nesta cidade, como é Balidea. Estes mozos levaron o nome de Balidea e Obradoiro a todas as clasificacións e seguimento que se fixo do Campionato do España”.

Tras as intervencións, o capitán do equipo, Anxo, fixo entrega a Lorenzo e José Ángel dunha camiseta do equipo dedicada e asinada por todos os integrantes desta plantilla cadete, que xa está nos libros obradoiristas por facer historia. Desde Balidea agradecemos enormemente o detalle, e reiteramos o nosos parabéns e apoio incondicionais, desexándolles grandes éxitos futuros.

Apoio ao deporte de base

En 2019 inauguramos nas nosas oficinas a Sala Obradoiro en honra ao noso equipo de baloncesto de referencia, pois en Balidea #SomosObra. É por iso que o seu equipo cadete, que non deixa de darnos satisfaccións, leva o noso nome.

Somos, ademais, patrocinadores doutros equipos de deporte de base como o feminino do ADB Fontiñas, os equipos de base do Imperator e o equipo xuvenil ID Sarmientos Viña do Campo de Ribadavia.

Comparte este post: